Naron Freixo

CRONICA DO S.D.C.R NARÓN FREIXO A – C.F. SAN SADURNIÑO BENXAMIN

S.D.C.R NARÓN FREIXO A – C.F. SAN SADURNIÑO (BENXAMIN)

Estadio de Rio Seco, Sábado 7 de Novembro de 2015

O encontro correspondente á sexta xornada da fase previa de Benxamíns, enfrontaba en Río Seco ao equipo local, cos nenos do San Sadurniño, nunha mañá agradable para a práctica  do balompé.

Os locais, sempre moi ben posicionados no terreo de xogo e tocando o balón sen rifar nin unha soa pelota, puxéronse de camiño por diante no marcador, nunha xogada pola banda esquerda, con centro longo ao segundo pao que supera á defensa e ao gardameta visitante e Queco, só ten que empurrar o esférico ao fondo da rede. Era o minuto dous do encontro.

Os visitantes non eran quen de saír co balón e, a presión dos benxamíns do Freixo, permitíalles roubar no centro do campo e tocar o balón con facilidade para plantarse na dianteira da área. Un roubo de Hugo na banda esquerda, permítelle chegar ao bordo da área para disparar, pero o gardameta visitante consigue atrapar por alto nunha boa intervención.

As chegadas sucédense e un roubo na banda dereita de Manu na liña de medios visitante, cede a Queco que regatea cara dentro sacando un gran disparo dende o pico da área que provoca unha grande intervención do gardameta visitante que envía o esférico a saque de esquina.

Era cuestión de tempo que fosen caendo os goles e unha grande xogada pola banda dereita entre Queco e Fonti que consigue chegar á liña de fondo e seu centro ao punto de penalti é aproveitado por Gabri, que co interior do pé esquerdo, empurra o balón ao fondo da rede. Un minuto despois, é o propio Queco o que rouba un balón no bordo da área, recorta cara a súa perna esquerda e seu disparo, pese a tocalo o gardameta visitante, acaba entrando por alto e poñendo o tres a cero no marcador. De aí ata o final do primeiro tempo, os locais conseguían aumentar a vantaxe con dous novos goles que chegarían por medio de Villar e Hugo, deixando o marcador en cinco a cero no descanso.

O segundo tempo, foi un calco do primeiro, con dominio total dos benxamíns do Freixo, que conseguían duplicar a súa vantaxe no marcador con goles de Queco, que conseguía un novo hattrick no minuto trinta e sete, Bruno subía o sétimo ao marcador no minuto trinta e nove, Iván facía o oitavo no minuto corenta e tres e, novamente, Hugo no corenta e cinco e Bruno no corenta e oito, pechaban o marcador e redondeaban a victoria local.

Final dun encontro dominado de principio a fin polos locais que suman tres puntos máis na súa loita polos dous primeiros postos que dan o pase directo ao primeiro grupo, unha vez que finalice a fase previa.