Naron Freixo

CRONICA NARÓN FREIXO B - CEDEIRA ALEVIN

NARÓN FREIXO B - CEDEIRA(ALEVIN)

Estadio de Rio Seco, Sábado 7 de Novembro de 2015

O Cedeira, presentábase en Río Seco contando  os seus encontros por victorias nesta fase previa perante un Freixo B que precisaba puntuar para seguir mantendo as súas opcións de rematar entre os cinco primeiros e ter posibilidades de entrar no segundo grupo, unha vez que se decidan os cruces.

Os locais comezaron o encontro moi ben posicionados no campo, dominando o balón e coa defensa moi ben plantada que non daba opción aos seus rivais, mais non conseguían chegar con opción á área visitante, agás nun disparo dende a frontal de David Llera, no  minuto dez do encontro, que o gardameta visitante atrapa sen maiores problemas. O encontro disputábase no medio do campo, con escasas chegadas ás áreas ata que no minuto quince, Laura faise cun balón no medio do campo, regatea a dous contrarios, cede a David Llera que abre á banda dereita onde entra Mario que controla o balón e é arrolado por un defensa. Penalti que se encarga de transformar David Llera por baixo para subir o un a cero ao marcador.

O gol espertou aos visitantes que se fixeron co dominio do balón e en dous minutos conseguiron empatar o encontro cun remate de cabeza a saque de esquina que entra por alto na portería local. Dende ese intre, as chegadas eran máis perigosas e un erro en defensa, deixaba só dentro da área ao dianteiro do Cedeira, pero Aitor era quen de desviar o seu remate  a saque de esquina.

No minuto vinte do encontro, unha grande xogada de Alfonso pola banda esquerda que consigue regatear a dous defensas e poñer o balón no segundo pao, onde Jerónimo, só ten que empurrar o balón á rede e poñer en vantaxe aos visitantes. Os pequenos do Freixo, perderon o dominio do encontro e un balón longo no derradeiro minuto da primeira parte que a defensa non é quen de despexar, deixa só a Alfonso que se planta na área e bate por baixo a Aitor, que nada pode facer para evitar que suba o un a tres ao marcador xusto antes do asubío que marca o final da primeira parte.

Na segunda parte, os locais saíron dispostos a remontar o encontro e, no minuto dous, Rubén avisaba cun centrochut que golpeaba no largueiro e, un minuto despois, unha falta colgada á area polo mesmo xogador, que Hugo Castro non chega a rematar, pero si consigue despistar ao gardameta para que o balón entre directamente na portería, recortando distancias e poñendo o dous a tres no marcador.

Os visitantes, só xeraban perigo a balón parado. Unha falta lanzada por Alfonso é desviada por Marcos no minuto cinco. A presión local, coa defensa gañando todos os balóns e o medio campo moi metido no encontro, non era quen de xerar ocasións; mais, no minuto doce da segunda parte, a presión facía efecto e David Pardo roubaba un balón anticipándose á defensa, que ao tentar despexar, cometía penalti. David Pardo encargábase de materialízalo, acadando o empate para o  seu equipo. Só un minuto despois, un saque de esquina que bota David Llera, é cabeceado por David Pardo no primeiro pao ao fondo da rede e poñendo en vantaxe aos locais, que conseguiran darlle a volta ao encontro. Mais, a mellor xogada estaba por chegar, un balón roubado por David Pardo no centro do campo, cede a Rubén en banda que ergue o balón á posición de medios do equipo visitante, onde Hugo Castro controla de costas e cede de cara a Pardo, que lle devolve en profundidade e Hugo plántase no bordo da área para batir por baixo ao gardameta visitante. O cinco a tres facía xustiza á grande segunda parte dos pequenos do Freixo, que non baixaron os brazos en ningún momento.

A ledicia duraba pouco, en nun saque de esquina, un minuto despois, un cabezazo de Mathias, recortaba distancias. Era o cinco a catro e faltaban cinco minutos para o final do encontro. Os locais estaban agrupados, metidos na súa área agardando o final do partido. As ocasións visitantes sucedíanse e, en tres ocasións eran Manu, Isma e David Pardo os que conseguían despexar o balón da súa área e noutras dúas ocasións era Marcos o que se tiña que empregar de cheo saíndo aos pés dos dianteiros para estragar as chegadas dos alevíns do Cedeira.

Non había tempo para máis, o árbitro asubiaba o final do encontro e o Freixo acadaba unha victoria pelexada e sufrida que lles dá tres puntos moi importantes para os alevíns do Freixo na súa loita polos postos que dan acceso ao segundo grupo.